Dende a ANPA adherímonos á campaña «Ser e Sentir», da Deputación da Coruña, para visibilizar a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero e, co propósito de normalizar e sensibilizar á sociedade sobre as diversidades sexuais.
- Actividades para público infantil: organización de 15 obradoiros presenciais en 15 concellos da provincia A vida é de cores! Unha educación alén do branco e negro sobre diversidades afectivo-sexuais para a cativada co obxectivo de favorecer o bo trato e os coidados, previr o rexeitamento e o auto-rexeitamento por motivos de orientación ou identidades e aprender a poñer límites e expresar os afectos de maneira saudable.
- Actividade para a mocidade: Na web do programa un xogo de pistas, no que a través de enigmas, adiviñas e xogos de lóxica…haberá que cumprir cun obxectivo. Tendo en conta que entramos no verán, o deseño das probas estaría pensado para exteriores. Deste xeito, préstase para aqueles concellos ou entidades que queiran aproveitar a actividade e incorporala nas programacións do verán, en campamentos, etc. O xogo estará dispoñible a partires do 27 de xuño.
- Actividade para público adulto/familiar: O sábado 2 de xullo, en horario de mañá, está prevista a celebración dunha palestra presencial e retransmitida por streaming na que a sexóloga Martina González Veiga nos achegue a conceptos e termos relacionados coas diversidades sexo-afectivas así como a abordaxe do respecto e acompañamento ás diversidades dende o ámbito familiar e educativo. Aínda non está pechada a ubicación exacta da palestra, polo que irase informando na web de Ser e Sentir.
